Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Lousame inicia as obras de mellora dos accesos ao local social de Cruído


Habilitarase unha cuneta de formigón que facilitará tanto o tránsito dos peóns como o aparcamento de vehículos na zona
O Concello de Lousame vén de iniciar as obras de mellora dos accesos ao local de Cruído, un proxecto adxudicado por 49.420 euros á empresa Obras y Viales de Galicia dentro do Plan de Acción Social 2015. Un proxecto que tamén inclúe a mellora dos accesos ao Punto de Atención á Infancia de Tállara dende Cernande, que se iniciarán en breve.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “o obxectivo é arranxar a estrada que da acceso ao local social de Cruído dende a estrada da Deputación onde, pola pista que vai por debaixo do local, facermos unhas cunetas de formigón que servirán tanto para que os veciños e veciñas poidan camiñar con máis seguridade como para que teñan máis espazo onde aparcar”. De feito, os traballos inclúen a creación dunha área de 75 metros cadrados de sobreanchos na zona.

Os traballos consisten na reparación de fochancas con dez centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo na ampliación do ancho da superficie pavimentada. Deste xeito, a pista, dunha lonxitude de 170 metros, pasará dos 5 metros de ancho actuais aos 6 definitivos, ao ampliarse medio metro a cada lado. Sobre ela aplicaranse cinco centímetros de aglomerado en quente.

Nestes momentos estanse a executar as cunetas de seguridade revestidas de formigón, de 240 metros de lonxitude, así como a canalización dunha tubería de PVC e a construción de 7 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais. Os traballos inclúen tamén a apertura de gabias, a limpeza de salvagabias pra drenaxe e a adaptación dos pozos e das arquetas á nova rasante. As obras marchan a bo ritmo e estarán rematadas en breve.

Accesos ao PAI

Así mesmo, este proxecto tamén inclúe a mellora dos accesos ao PAID de Tállara dende Cernande, que se iniciarán en breve. Neste caso mellorarase a capa de rodaxe dunha pista de 5 metros de ancho e 120 metros de longo con seis centímetros de aglomerado en quente, previa reparación de fochancas e ampliación do ancho da estrada en dous metros.

Sobre eses dous metros de ancho está prevista a construción dunha senda peonil, que terá 120 metros de lonxitude e dous metros de ancho con 15 centímetros de zahorra e outros 15 de formigón sobre unha tubería de canalizado das augas pluviais, con 3 arquetas con sumidoiro. A maiores, contémplase a execución de 54 metros de cunetas de seguridade e o traslado dos postes existentes na zona. As obras estarán listas antes do remate do primeiro trimestre do ano.